A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O Concello de Melide reincide no peche do mercado labrego aumentando o risco de contaxio na poboación

O Concello de Melide reincide no peche do mercado labrego aumentando o risco de contaxio na poboación

16 de Xaneiro do 2021

Feira de Melide

No Sindicato Labrego Galego non saímos do noso abraio diante da nova de que o Concello de Melide vén de decretar, unha vez máis, o peche do mercado de alimentos labregos semanal coa escusa da Covid 19, mentres se mantén a venda de alimentos diaria en espazos pechados onde de producen decotío aglomeracións humanas e non existe ningún tipo de control sobre a manipulación dos produtos pola clientela.

Dende o SLG volvemos reiterar o noso total rexeitamento a unha medida que non obedece a criterio científico ningún, que vulnera a orde europea e estatal de garantir a circulación de bens de primeira necesidade en tempos de crise e que nin sequera está respaldada por ningún mandato oficial de organismos de superior rango con potestade para ordenar este tipo de peches, como a Xunta de Galicia.

Con esta decisión absurda cuxa reincidencia fai que raie o esperpento, o Concello de Melide non só non vai combater a expansión da Covid 19, senón que vai favorecer que os domingos as persoas que habitualmente mercaban ao aire libre no mercado labrego se sumen por forza ás que acuden aos supermercados, garantido así aglomeracións humanas que, sen dúbida, favorecerán os contaxios. Ademais dun claro desprezo polo sector primario, polo rural e pola venda de produtos locais; con esta decisión, o Concello de Melide está a favorecer o negocio ás grandes cadeas de supermercados en detrimento da economía labrega da bisbarra.

A maiores, cun potente sector hostaleiro, en Melide a xente seguirá acudindo ás terrazas dos bares, que están a ser habilitadas con carpas e calefacción exterior, de maneira que se dará o paradoxo de que, mentres se prohiben instalar postos de venda de alimentos os domingos, se vai autorizar a instalación de postos exteriores nos bares que estarán abertos toda a semana durante todo o día até as 18:00 horas e nos que habitualmente a clientela conversa sen máscaras protectoras.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos pedirlle ao consistorio melidense que recapacite e dea marcha atrás na súa decisión. Manter abertos os postos de venda de alimentos, redistribuíndoos en novos espazos da zona vella para respectar as distancias marcadas polos protocolos sanitarios, non só é doado e factible, senón que ofrecerá unha alternativa de venda ao aire libre moito máis segura que a masificación que habitualmente hai nos supermercados e que se agravará con esta decisión.