A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O decreto para adaptar as normas hixiénico-sanitarias ás producións labregas no Estado leva paralizado dez anos

O decreto para adaptar as normas hixiénico-sanitarias ás producións labregas no Estado leva paralizado dez anos

5 de Xullo do 2019

Fernando Fernández

O SLG vén de poñer en marcha o obradoiro europeo Transformación alimentaria e producións labregas: Superando as barreiras de xeito colectivo, que se desenvolverá os días 5 e 6 de xullo en Compostela. O obxectivo deste evento, que se inscribe na axenda de actividades do Proxecto BOND (Bringing Organisations & Network Development to higer levels in the Farming sector in Europe www.bondproject.eu) será tratar a fondo a problemática xerada pola estrita normativa que regula as producións alimentarias artesanais a nivel comunitario, estatal e autonómico.

A encargada de inaugurar o encontro foi a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que centrou a súa intervención en analizar o modelo alimentario dominante dende un punto de vista económico, social, ecolóxico e agrario; e de como, co paso dos anos, este sistema está a destruír as terras fértiles, a desertizar o medio rural, a pechar granxas e a concentrar, cada vez con máis forza, a produción de alimentos e todo o que a arrodea en menos mans.

No caso particular na normativa hixiénico-sanitaria que regula as producións alimentarias en España e na Galiza, Vilalba criticou unhas esixencias burocráticas enormes que fan practicamente imposible que unha granxa multifuncional que teña varias producións poida traballar de maneira legal. Isto é así porque a normativa está adaptada a grandes industrias e a monocultivos ou producións especializadas, castigando a agricultura multifuncional que combina diversas producións que domina en modelos como o ecolóxico. Ademais, afirmou a secretaria xeral do SLG, o cumprimento estrito da normativa fai que moitos produtos, para poder saír ao mercado, teñan que desnaturalizarse e perder a súa esencia, xa que as regras do xogo impostas non respectan as circunstancias locais nin a singularidade de cada alimento. Neste senso, Vilalba apostou por unha viraxe do propio sistema alimentario cara a modelos que, precisamente, respecten estas singularidades e se baseen en criterios agroecolóxicos.

Pola súa banda, Fernando Fernández, labrego vinculado á Revista Soberanía Alimentaria e experto en regulación dos alimentos, analizou a normativa hixiénico-sanitaria a nivel europeo, español e autonómico. Fernández explicou que, hoxe en día no Estado Español, hai grandes diferenzas normativas segundo a comunidade da que falemos que nacen grazas a un limbo legal que se produce por non terse aprobado aínda o real decreto de regulación e flexibilización da normativa hixiénico-sanitaria, cuxo borrador está nos despachos do Ministerio de Agricultura dende hai unha década. As previsións apuntan a que, esta nova norma, será definitivamente aprobada en decembro deste ano. Pero mentres iso non aconteza, a normativa válida é aquela que regula as producións alimentarias en cada comunidade autónoma ou as guías de boas prácticas sectoriais que obteñen o visto bo de Aecosan (Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición), sempre acordes ás guías publicadas pola propia Unión Europea no ano 2004 para orientar as normativas estatais.

Durante o resto da xornada, o obradoiro estruturouse en grupos de traballo que analizaron diversos aspectos particulares relacionados con esta cuestión, como os decretos do País Valencià e da Galiza, os matadoiros móbiles, o leite cru e a Rede de Queixerías Artesanais (QueRed), a normativa de envasado do mel na Galiza ou as normas estatais para o pan artesanal.

Isabel VilalbaFernando Fernández