A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O SLG acolle un obradoiro para abordar os problemas xerados pola normativa nas producións artesanais

O SLG acolle un obradoiro para abordar os problemas xerados pola normativa nas producións artesanais

4 de Xullo do 2019

Conservas artesanais

O Sindicato Labrego Galego oficiará, os días 5 e 6 de xullo, como organización anfitrioa dun obradoiro europeo no que se tratará a problemática xerada pola estrita normativa estatal, deseñada para grandes industrias, que deixa nunha situación de alegalidade moitas producións alimentarias artesanais que supoñen un importante complemento económico para moitas granxas.

Baixo o título Transformación alimentaria e producións labregas: Superando as barreiras de xeito colectivo (achegamos programa), este obradoiro inscríbese na axenda de actividades do Proxecto BOND (Bringing Organisations & Network Development to higer levels in the Farming sector in Europe www.bondproject.eu), que busca tecer redes de colaboración, coñecementos e experiencias de entidades e organizacións sociais e agrarias de toda Europa para reforzar a profesión labrega. Xunto ao SLG, participan tamén institucións internacionais como a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación); as universidades de Coventry, Wageningen e Córdoba; organizacións agrarias como Eco Ruralis (Romanía), Confederação Nacional de Agricultura (Portugal) ou Land Workers' Alliance (Reino Unido); ou federacións nacionais de cooperativas agrarias de Francia (CUMA) ou Italia (Legacoop).

Na primeira xornada de traballo, venres 5 de xullo, analizaranse normativas concretas como os decretos que regulan a artesanía alimentaria a nivel de Estado ou en comunidades como Andalucía, País Valencià ou Galiza; experiencias como os matadoiros móbiles ou a elaboración e comercialización de produtos coma o leite cru, o pan, os ovos, as conservas artesanais, os produtos cárnicos ou o mel.

A segunda xornada, sábado 6 de xullo, terá un cariz máis práctico, con visitas á granxa leiteira O Alle (Lalín) e ao Mercado do Alimento Labrego de Teo. Xa pola tarde, abordaranse as estratexias de traballo para tentar que, a nivel de Estado, se fagan as reformas necesarias para flexibilizar a normativa hixiénico-sanitaria para abranguer tamén ás producións alimentarias artesanais.

Cartaz BOND Galiza